2010/06/23

Ventando o fin de ciclo

Andan os augures da progresía española, (eses que adoitan escribir no xornal “El Pais”), laiándose polo fin de ciclo que se intúe e que supón o final do goberno do PSOE no Estado e a chegada ao poder central do PP...
Pois para min non é ningunha mala nova…
Dende o 77 teño o convencemento de que a posición que tivo o PSOE, (a hexemonía no centro esquerda no Estado), foi unha das maiores lacras da democracia española…
O PSOE leva 33 anos actuando como narcotizante social desmobilizador e involucionista…
Fixo mais por un sentimento democrático e plural o segundo cuadrienio de Azmar que os 16 anos de Felipismo e os 6 que levamos de Zapaterismo…
E triste dicilo, pero contra Aznar vivíamos mellor, (e non é extrapolabel nin comparable coa frase aquela de que contra Franco vivíamos mellor), pois está claro que por moi duro que sexa un goberno do PP, o que son as liberdades formais mínimas continuaran garantidas, a fin de contas iso non soo o garante un goberno circunstancial no Estado, se non o marco europeo no que estamos inseridos, cousa que non pasaba, obviamente, no Franquismo…
Desenganádevos, o Felipismo foi o que condenou a Galiza aos permanentes gobernos de Fraga e bloqueou o acceso aos gobernos das nacións sometidas de forzas nacionalistas que verdadeiramente cuestionasen o modelo consensuado na transición, (a monarquía e a unidade do Estado que Franco deixou atado e ben atado)…
O mellor que pode pasar en España e que o PSOE volte ao seu lugar natural, a ser unha forza pequena centralista do centro-esquerda, (o papel que quere xogar a UPyD de Rosa Díez)…
Pecando de provocador, o desiderátum sería unhas eleccións adiantadas que deran un goberno cunha maioría absoluta xustiña dun PP con Mayor Oreja na Presidencia do Goberno…
O que iamos a rir!…
E nas próximas iades ver como isto rachaba dunha vez…
En canto ao que esta situación implica para Galicia temos que nos colle un pouco a contrapé, sen estar nunha situación tan consolidade nin tan ben armados ideolóxica e organizativamente como cando rematou o Felipismo...
Dentro do BNG, aglutinante hoxe de todo o nacionalismo con representación institucional, non son especialmente crítico coa UPG, e ate vexo lóxica a súa actuación…, pero con todo, non me convence, e non porque o faga mal, se non porque non o fai mellor…
Fai falla, (na política galega), algo novo, moito mais imaxinativo, audaz, democrático e axeitado ao século XXI que o conservadorismo de “rancio avoengo” do PP, (xa dixen que resulta ate cómico), que a socialdemocracia convenenzuda e narcotizante do PSOE, que o querer e non poder (nin saber) ser un PSOEdeG bis que é o que era o Quintanismo e agora o +galiza, nin unha esquerda de fai cen anos que é o que é a UPG, (do Beirismo non opino porque xa nin sei o que é)…
Polo tanto, pois a esperar, hai un baleiro, e todo baleiro remata por ser ocupado, así que como a natureza é inexorable, canto mais se note ese baleiro, mais cedo alguén o ocupará…
Como mais se notaría sería cun goberno do PP o mais escorado posible ao nacional-catolicismo, nesas condicións sería palmaria a falla de adecuación do discurso político a realidade socioeconómica…
Como menos se nota o baleiro é cos gobernos “zapateriles” que resultaban ate o estoupido da crise, expertos en narcotización social…, (os únicos que se manifestaban eran os curas)…
O que vaia cubrir ese baleiro ten que dar unhas respostas o mais acaídas posibles a unha sociedade tan contradictoria como a actual, que ao tempo é:
Superguai e contestataria…
Galeguista e españolfalante…
Relativista moral e integrista da corrección política…
Hedonista e ecoloxista…
Especuladora e comunitaria…
Multicultural e levanta muros de arame nas fronteiras co terceiro mundo…
Libertaria e enche as rúas de videovixianza…
Hiperconsumista adicta aos grandes centros comerciais e vai de ecoloxista…