2008/02/13

A vergoña da Decana de Económicas da USC


Quero comentar o bochorno que produciu en min a intervención da Decana de Económicas na Radio Galega na mañá de hoxe, día 13 de febreiro.

1º. É impresentable que en declaracións para a Radio Galega, (practicamente a única emisora galegofalante), e pese ao idioma empregado pola entrevistadora, se empeñara en falar español de xeito que amosaba o seu desprezo polo galego, idioma que ten obriga de dominar pola súa condición de funcionaria, (lembro os esforzos que facía e fai por exemplo o ex-rector Carlos Pajares, que non é galego, para expresarse en público nesta lingua). A actitude lingüística dista muller pareceume un insulto directo a maioría de oíntes dista emisora e en xeral a Galiza, e dende o meu punto de vista a inhabilita moralmente para ocupar un cargo académico na primeira universidade do país.

2º. Ademais, coido que a súa exixencia de expulsar da universidade aos participantes no incidente, e de ilegalizar unha asociación estudantil, previamente a resolución de calquera expediente e a realización de calquera investigación oficial, posiblemente supoñan unha clara infracción administrativa ou penal pola súa parte, (coido que é unha prevaricación), inhabilitándoa como cargo académico e funcionarial para intervir no expediente, no caso de que proceda o mesmo, por terse pronunciado xa e "condenado" sen xuízo.

3º. Como conclusión do anterior, fago un chamamento público a que en defensa da dignidade da Universidade de Santiago de Compostela, da Facultade de Económicas a que están vinculadas personalidades como Emilio Pérez Touriño, Xosé Manuel Beiras, Suso Veiga, Ceferino Díaz, Chuspe Barreiro, no seu momento o expresidente González Laxe, etc..., e, sobre todo, da dignidade de Galiza e da legalidade, que se promova o cese de esta señora do Decanato, mediante unha moción de censura ou calquera outra fórmula válida en dereito, así como se estude si as súas declaracións e actitudes poden corresponder a algunha infracción administrativa ou penal, ao efecto de iniciar un expediente para depurar as responsabilidades nas que puidera incorrer.

Esta muller non pode seguir representando a unha facultade de tan relevante traxectoria na historia recente de Galiza, e si pode ser moi libre de actuar de xeito individual como propagandista dos sectores mais involucionistas do Estado Español como os que representa a actual dirección do Partido Popular e outros grupúsculos e asociacións vinculadas a extrema dereita españolista.

Todo o anterior o digo sen excluír que proceda realizar unha investigación imparcial e non sectaria do acontecido no acceso da Sra. San Gil a pronunciar a súa conferencia, investigación da que se poderán deducir no seu caso responsabilidades individualizadas que poidan ter algunha consecuencia administrativa ou penal.

A Sr. Decana de Económicas, como funcionaria da Xunta de Galiza ten obriga de coñecer o galego.
Independentemente de que no exercicio da súa liberdade poida falar a título individual no idioma que lle pete, e mais aínda, en exercicio da liberdade de cátedra, como profesora, tamén, coido que tal dereito deixa de existir de un modo absoluto no intre que exerce un cargo institucional.
A persoa Maite Cancelo pode falar no idioma que lle pete..., por liberdade persoal.
A profesora Maite Cancelo pode dar clase no idioma oficial ou non que queira ou que considere academicamente mais conveniente en exercicio da liberdade de cátedra.
A Decana Maite Cancelo non está tan claro que poida falar como queira no exercicio diste posto institucional, se non que terá que adaptarse ao que mais conveña según as circunstancias do auditorio e o contexto, en funcións dos intereses e dignidade da Facultade de Económicas, e está claro que no contexto dunha declaracións como decana a Radio Galega, con, loxicamente, unha audiencia unanimemente galegofalante, coido que ten a obriga de falar en galego, pois para iso cobra o seu soldo d Xunta de Galiza e supoño que algún plus polo feito de cargo que ostenta.

Insisto no da infracción cometida por ela, non sei exactamente en que figura encaixa, pero é evidente que sendo unha persoa con competencias sobre a resolución dun expediente de índole sancionador, non pode pronunciarse sobre o resultado do mesmo incluso denantes do inicio da investigación, tal cousa a descualifica totalmente para intervir na tramitación, e mais cando hai versións contraditorias que terán que confrontarse na procura dunha verdade "oficial", remítome as declaracións realizadas dende a propia asociación acusada.

Coido que dende o nacionalismo e a democracia en Galiza non se pode tolerar nin un paso atrás no sistema de liberdades nin nas garantías individuais.
Prefiro mil asasinos soltos que un solo inocente preso, e esa e a grandeza da democracia, que non entende este PP da guerra preventiva, da ilegalización das ideas e da represión de toda discrepancia...

Por outra parte, faime graza o chamado da Sra. San Gil despois do incidente de que o democrático por parte dos discrepantes sería o entrar a súa conferencia e no seu caso intervir no debate defendendo as súas ideas, cando lembro que na campaña ou a precampaña do 2004, un rapaz que nun mitin de Aznar tivo a ocorrencia non sei si de mostrar un cartel ou dicir en alto o de "non a guerra", foi reducido pola seguridade, fostiado, detido e expulsado do mitin, ¿non lembrades?. Así que estou por apostar que tal comportamento tamén sería considerado como un incidente mais ou menos punible por parte da conferenciante e dos círculos mediáticos da dereita españolista.

Para rematar, incidentes semellantes e mais graves os lembro de sempre na Universidade, sen ir mais lonxe propoño lembrar o que sucedeu no doutorado honoris causa de Cela, nas protestas que remataron na lumeirada na portada de San Xerome, no bloqueo do despacho coido que do profesor Blanco Valdés, ou recentemente os incidentes en políticas a conta do proceso de Bolonia.
Pido un pouco de empatía a todos os que pasásedes en diversas épocas pola USC e que fagades un esforzo por lembrar o diversos incidentes acaecidos neses tempos, e logo xulguedes con obxectividade os feitos que se viron nos informativos para chegar a conclusión de que realmente non pareceu ser unha cousa nin tan grave, nin tan extraordinaria.

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Declaraciones de la Sra. Cancelo al programa " A Fondo" de Don Enrique de Diego (Radio Intereconomía)

8:27 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Sensatísimas declaraciones de la Decana, Profesora Cancelo

8:44 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home