2009/05/15

Nas vésperas do 17 de maio...

Fronte a iste novo goberno do PP presidido por Feijoo que en defensa da liberdade individual, ("liberdade"..., ¡que fermosa e prostituida verba!), quere derogar a "imposición" do galego aos galegos, eu, deitado rente ao mar, cavilo e rosmo:...

Dende un punto de vista, tanto legal, (o galego é lingua propia e oficial de Galiza, o castellano é lingua "soio" oficial na Galiza), como histórica, filolóxica e socioloxicamente, o galego non pode ser imposto eiquí, xa que é lingua propia e orixinaria da Galiza dende a alta idade media cando naceu da evolución do latín falado nestas terras, (supoño que xa sería un latín con peculariedades distintas co canon romano)...

O que indudablemente foi imposto, e de xeito xurídico ate tempos moi recentes, foi o castelán, cando se facía obrigatorio no ensino, na administración, etc...

Na situación actual, cunha falsa igualdade xurídica, (digo falsa porque xuridicamente non existe a obriga se coñecer o galego e si o castellano), de feito sigue habendo unha imposición fáctica que non xurídica do castellano...

A hai cando a inmensa maioría de tv, radio, xornais, prospectos e folletos comerciais e uso en negocios de importancia, banca, así como en determinadas administracións especialmente coercitivas, (forzas armadas, forzas de seguridade, xustiza, notarías e rexistros, etc...), se fai en castelán, co cal se favorece a suplantación en boa parte da sociedade, especialmente aquela menos consciente do proceso, do galego orixinario polo castelán. Este proceso ven de vello, especialmente dende a xeralización dos medios de comunicación e dende a xeralización dunha economía comercial coa intervención masiva das institucións as que me referín antes, (banca, gran comercio, ensino e servicio militar obrigatorio, etc...), co cal, tendo en conta que xa debemos levar do orde de tres xeracións de proceso de substitución, xa hoxe en día gran parte da xente de idade media e a maioría da mocidade, especialmente de ambientes urbanos, teñen xa como suposta lingua materna o castelán, e poden pensar de boa fe que é certo o "slogan" que inspirou a Galicia Bilingüe, que o castelán é "tan gallego como el gallego", cando tal afirmación dende un punto de vista científico é falsa, como xa expliquei, e xuridicamente, tamén é falsa, (aínda sendo oficial, non ten o caracter de lingua propia que o Estatuto actual lle concede soio ao galego).

Resumindo, a miña visión do tema é que o castellano, na Galiza, é como o eucalipto, todos vemos que domina a paisaxe, que nace e medra moi ben, (excesivamente incluso), que produce grandes rendementos a curto prazo, (pero en productos de pouco valor), que despraza e substitúe a flora autóctona…
Pero no fondo, todos sabemos que o eucalipto non é unha árbore propia de Galiza, (o eucalipto o é de Australia, o castellano, de Castilla), que empobrece os solos e favorece os lumes un, que fainos esquecer a nosa cultura e tradición o outro, que seca as fontes, (as da auga e as da fala), e que fainos perder a identidade da nosa paisaxe, nosa flora e nosa fauna silvestre, dos nosos sons e os nosos nomes…

O 17 de maio, irei a manifestación de Compostela a pro da língua e plantarei un carballo na miña horta…
Ver eiquí­